Campo de Voluntariado Internacional “Ruta de Palacios”

Concello do Porriño

Sobre a actividade:

O pasado 2022 tivo lugar a primeira edición do Campo de Voluntariado Ruta de Palacios, onde cun equipo composto por persoas chegadas de Sevilla, León, Logroño, Donostia, Valencia, Escocia, Mallorca, Vigo, Vilanova de Arousa, Brasil e República Checa, durante 12 días percorremos as obras do arquitecto Antonio Palacios Ramilo no Sur de Galicia, tomando un rexistro fotográfico das mesmas e escribindo artigos sobre as obras (en galego, castelán e inglés) para seren divulgados nunha web xunto cun mapa (virtual e físico) para facilitar ás persoas interesadas na materia, as visitas aos distintos lugares.

O seu traballo incluía un tríptico con información dos edificios e lugares, así como o propio mapa coas obras (virtual e físico); ademáis de merchandising tipo marcapáxinas ou postais, con debuxos das distintas obras realizados por unha das participantes (Laura Cobo) e confeccionadas por todo o equipo, coa finalidade de que o Concello poida divulgar a obra do seu veciño máis ilustre a todas as persoas que visitan O Porriño.

A presente proposta pretende afianzar o traballo feito no ano anterior e culminar o mesmo coa creación, edición e presentación ao público dunha curtametraxe que recolla o inmenso legado de Antonio Palacios Ramilo na súa terra natal. 

Servíndonos de bocetos debuxados polo mesmo Palacios, fotografías antigas e documentos orixinais das súas obras, en poder do Concello do Porriño e que o alcalde moi amablemente compartiu con nós; xunto con entrevistas a especialistas na súa obra, como Amalia Gallego, xornalista e directora de comunicación do Balneario de Mondariz, que moi amablemente nos atendeu o ano pasado e foi de moita axuda na pescuda de información sobre a obra de Palacios. 

O plan de rodaxe tamén inclúe entrevistas a descendentes de Palacios, así como a veciños e veciñas do Porriño, buscando reafirmar a súa figura na súa terra natal e dalo a coñecer aos moitos galegos e galegas que aínda non coñecen a súa obra e importante legado.

Tarefas de voluntariado:

  • Iniciarse na fotografía arquitectónica, e adquirir coñecementos básicos sobre pilotaxe de drones e gravación audiovisual aérea con estes. 
  • Aprendizaxe de aspectos básicos de creación audiovisual, e das técnicas para a confección dun guión, produción, rodaxe, e posterior montaxe, dunha curtametraxe para dar a coñecer a obra de Antonio Palacios. 
  • Coñecer, interactuar, entrevistar a distintos descendentes de Antonio Palacios, a especialistas na súa obra e a veciñanza de O Porriño, familiarizándonos co emprego de ferramentas e técnicas axeitadas para levar a cabo unha peza audiovisual de non ficción
  • Axudar coa acción voluntaria, na programación cultural de Porriño, adquirindo coñecementos organizativos para a proxección pública da curtametraxe resultante.

Excursións e actividades complementarias:

Actividades e Obradoiros

Saídas e Excursións

Xabóns artesanais

Cluedo en vivo

Observación Astronómica

Obradoiro de Improvisación

Festa Intercultural

Illas Cíes

Vigo

Ruta das Greas / Gándaras de Budiño

Baiona

Panxón

Mondariz