O seu traballo incluía un tríptico con información dos edificios e lugares, así como o propio mapa coas obras (virtual e físico); ademáis de merchandising tipo marcapáxinas ou postais, con debuxos das distintas obras realizados por unha das participantes (Laura Cobo) e confeccionadas por todo o equipo, coa finalidade de que o Concello poida divulgar a obra do seu veciño máis ilustre a todas as persoas que visitan O Porriño.
A presente proposta pretende afianzar o traballo feito no ano anterior e culminar o mesmo coa creación, edición e presentación ao público dunha curtametraxe que recolla o inmenso legado de Antonio Palacios Ramilo na súa terra natal.
Servíndonos de bocetos debuxados polo mesmo Palacios, fotografías antigas e documentos orixinais das súas obras, en poder do Concello do Porriño e que o alcalde moi amablemente compartiu con nós; xunto con entrevistas a especialistas na súa obra, como Amalia Gallego, xornalista e directora de comunicación do Balneario de Mondariz, que moi amablemente nos atendeu o ano pasado e foi de moita axuda na pescuda de información sobre a obra de Palacios.
O plan de rodaxe tamén inclúe entrevistas a descendentes de Palacios, así como a veciños e veciñas do Porriño, buscando reafirmar a súa figura na súa terra natal e dalo a coñecer aos moitos galegos e galegas que aínda non coñecen a súa obra e importante legado.