Campo de Voluntariado Internacional “O Camiño Portugués pola costa”

Concello de Oia

Sobre a actividade:

O Camiño Portugués durante o ano 2022 consolidouse como a ruta xacobea que máis medra, duplicando os seus rexistros pre-pandemia ata superar os 130.000 peregrinos/as a finais de ano. Xa no ano 2021, segundo as Estatísticas da Oficina do Peregrino, unha de cada catro persoas que recollían a súa Compostela a final do Camiño escolleran a variante portuguesa, e dentro desta, cada vez máis persoas se decantan pola súa variante pola costa dende que cruzan o Miño e ata xuntarse as dúas variantes en Pontevedra.

A finalidade desta actividade é a de dar a coñecer e promocionar os distintos puntos de interese que ten o Concello de Oia, desde os cumios da Serra da Groba (curros, xacementos arqueolóxicos, muíños, regatos, pozas…) ata a costa (a Camboa, o Arrabal, as distintas parroquias costeiras…) para que tanto peregrinos/as como visitantes en xeral coñezan o amplo abano de posibilidades que Oia ofrece, e poidan visitalas, desta vez ou no futuro. 

Nesta que sería a súa terceira edición, a proposta versa sobre o Festival do Rei Sol, organizado pola Asociación de Veciños de Viladesuso e a Comunidade de Montes, entidades ambas que levan cedendo as instalación do seu Centro Sociocultural dende o ano 2020 para a realización deste campo de voluntariado. Dito festival leva máis dunha década organizando actividades arredor da tradición oral, a música tradicional, a toponimia e patrimonio dos seus montes na Serra da Groba, así como á etnografía e o folclore. Ten lugar a primeira fin de semana de setembro, no Castro do Cano dos Mouros, a carón dunha peculiar formación rocosa coñecida como a Silla do Rei Sol, unha cadeira cunhas vistas privilexiadas sobre o Atlántico.

Tarefas de voluntariado:

  1. Axudar nos preparativos, loxística e organización do Festival do Rei Sol.
  2. Limpar, sinalizar e axeitar durante os días previos os accesos aos distintos dólmenes e xacementos arqueolóxicos, lugares de interese a visitar na Ruta pola Groba aberta ao público durante o Festival. 
  3. Convidar aos peregrinos que se atopen nos días previos por Oia a achegarse a este festival de música, etnografía e cultura que terá lugar esa fin de semana. 
  4. Organizar a visita guiada ao Castro do Cano dos Mouros que terá lugar durante o Festival, desenvolvendo unha visita teatralizada lúdica e divertida. 
  5. Axudar na organización da Ruta pola Serra da Groba que tradicionalmente ten lugar no Festival do Rei Sol o sábado á mañá.

Excursións e actividades complementarias:

O Mosteiro de Oia, A Camboa e O Arrabal Visita guiada ó Mosterio de Oia, peza fundamental do patrimonio do concello de Oia, A Camboa, antiguo sistema de pesca que aproveitaba as mareas, e ao barrio próximo do Arrabal, unha mostra da arquitectura tradicional de aldea galega.
Pozas de Loureza / Bugalleira / Mougás Despois do traballo de voluntariado teremos ocasión de coñecer os paraísos que agochan os ríos e regatos de Oia en forma de pozas de auga cristalina.
Baiona Visita a Baiona e o seu Castelo, a vila antiga e monumental, e a Excolegiata. para rematar na Baiona moderna e turística, cun gran ambiente. Inclúe visita á réplica da Caravela Pinta.
A Guarda Visita a vila veciña da Guarda, Santa Tegra co seu monumental castro, o museo do castro, e o porto da Guarda onde coñeceremos a embarcación tradicional dun volanteiro. 
Scape Game Oia Xogo de pistas polo centro urbano de Oia no que os grupos irán coñecendo distintos aspectos da historia e vida da vila e interactuarán coa veciñanza para poder rematar o xogo.
Panxón Coñeceremos o seu porto, có castro que agocha detrás, tamén o Templo Votivo do Mar, e desfrutaremos dunha tarde de praia, coa opción de facer a ruta ata Monteferro e desfrutar das marabillosas vistas.