Que é Vacacións en Paz?

Vacacións en Paz é un proxecto de acollida temporal de nenos e nenas saharauis durante os meses de xullo e agosto, que en Galicia desenvolve Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (SOGAPS), a petición expresa do goberno da República Árabe Saharaui Democrática (RASD).

Galicia ven participando nesta iniciativa solidaria desde o ano 1991, ofrecendo ás familias saharauis a posibilidade de que as súas fillas e os seus fillos gocen dunha estancia agradable, humana e culturalmente rica, baixo a supervisión e os coidados das familias acolledoras galegas.

Este programa lévase a cabo grazas á colaboración económica da Xunta de Galicia os concellos participantes no programa.

Programa de Educación Vial no Sáhara Occidental

Cal é a filosofía de Vacacións en Paz?

Vacacións en Paz preséntase nun marco de solidariedade e axuda desinteresada co fin de propiciarlles unha estancia agradable e humanamente ricas aos nenos e nenas saharauis. Trátase, xa que logo, de ofrecerlles a estas nenas e nenos nados no medio dun clima de guerra e sometidos ás súas dúbidas, unha posibilidade de coñecer formas distintas de vida, de maneira que iso contribúa, non so na súa formación, senón tamén en mellorar e potenciar a comunicación e os lazos co Pobo Saharaui.

Estes nenos e nenas naceron nos campamentos de refuxiados saharauis situados dende hai máis de 40 anos na zona da Hamada alxeriana en Tindouf, preto da fronteira alxeriano-saharaui; é dicir, son fillos dos e das Saharauis que tiveron que deixar precipitadamente os seus fogares ante a represión, invasión e ocupación ilegal por parte de Marrocos do territorio da antiga provincia española do Sáhara Occidental, coa que as nosas avoas e avós remataban de recitar as provincias españolas na escola (xunto con Sidi Ifni e Fernando Poo, hoxe Guinea Ecuatorial).

A vida destas crianzas, nacidas no exilio, transcorre nas mesmas circunstancias que a do resto da poboación saharaui: privada do máis elemental, e difícilimente sobrevive grazas á axuda internacional.

Dende o punto de vista afectivo, España representa algo especial para os saharauis polos lazos históricos, culturais e humanos. De feito, os Saharauis pertencen á comunidade de hispano-falantes e aínda conservan con esmero o español como segundo idioma.

Obxectivos do Programa 

1. Obxectivo Xeral:

Trasladar a nenos/as saharauis, procedentes dos campamentos de refuxiados saharauis en Tindouf (Alxeria), para pasar dous meses de verán acollidos por familias galegas.

2. Obxectivos Específicos

  • Reivindicar o dereito dos nenos e nenas saharauis a vivir no Sáhara Occidental e poñer de manifesto a situación na que actualmente viven
  • Facilitar asistencia médica e de alimentación.
  • Promover, entre a sociedade galega, os valores de tolerancia e solidariedade facilitando así a convivencia e integración de todas as persoas na comunidade.
  • Perfeccionar a aprendizaxe da lingua castelán e galega que estudan nos seus programas escolares.
  • Ofertar unha alternativa de ocio e tempo libre.
  • Evitar a súa estancia nos campamentos durante os meses de xullo e agosto por teren as temperaturas máis altas (máis de 50º).

Cales son os requisitos para ser Familia Acolledora?

Para ser familia acolledora de Vacacións en Paz, desde Solidariedade Galega co Pobo Saharaui solicitamos unha sensibilización especial coa causa do Sahara Occidental e o seu pobo, polo que a asistencia a unhas Xornadas Formativas é obrigatoria.

Por outra banda, a continuación expoñemos a documentación que se debe presentar, e outros trámites necesarios para acoller, como é a entrevista valorativa coa traballadora social da asociación. Así como o compromiso para colaborar en eventos e actividades de sensibilización e financiamento dos programas solidarios que impulsa esta asociación.

Cal é a documentación a presentar?

· Compromiso de acollida temporal de menores saharauis:

· Declaración de datos familiares e familias acolledoras do/a menor saharaui na súa estancia temporal en Galicia.

· Ficha de Colaboración económica co programa Vacacións en Paz (20€/mes)

· Entrevista de valoración do programa Vacacións en Paz 2022.

· Valoración familiar do acollemento temporal dos menores saharauis.

· Fotocopia do DNI de cada membro da unidade familiar que resida no fogar, compulsado no Concello.

· Fotocopia do certificado penal.

· Fotocopia de carencia de delitos naturais sexuais.

Formación e Información nos Campamentos:

Por outra banda, nos campamentos de Tindouf realizaranse igualmente xornadas formativas para as familias dos menores que viaxarán a Galicia no verán deste ano 2022, tentando achegar a realidade cultural, económica e social en Galicia. Tamén cremos necesario concienciar sobre os obxectivos reais do programa “Vacacións en Paz”.

Formar ás familias nun uso adecuado das tecnoloxías, evitar que viaxen menores obligadas/os polas súas familias, e como axudar e preparar aos menores para a súa integración na familia acolledora e na contorna, son puntos fundamentais para o bo funcionamento do programa.

Avada forma parte de SOGAPS (Solidariedade Galega co Pobo Saharaui) e este ano coordinamos para dita asociación os seguintes concellos dentro do Programa Vacacións en Paz 2022:

Abegondo / Aranga / Arzúa / Bergondo / Betanzos / Boimorto / Cambre / Carral / Coirós / Curtis / Irixoa / Frades / Melide / Mesía / Oza-Cesuras / Paderne / Santiso / Sobrado / Toques / Vilasantar 

Se eres familia acolledora dalgún destes concellos, ou coñeces alguén que lle interese entrar a formar parte deste programa con máis de corenta anos de traxectoria, acollendo durante os meses de xullo e agosto a un neno ou nena saharaui (evitando así os meses máis duros nos campamentos de refuxiados nos que levan confinados dende que naceron: lugares que nesas datas poden acadar os 50 graos á sombra), non dubides en poñerte en contacto con nós (ou con SOGAPS) e recibirás toda a información.