Obradoiro de Educación Infantil “Coa comida sí se xoga”
Concello do Porriño
A construción de rutinas, que posteriormente se converterán en hábitos, é esencial na etapa de Educación Infantil, xa que reporta enormes beneficios ao menor, axudándoo no seu desenvolvemento integral e na formación da súa personalidade. Entre estes hábitos atopamos os de vida saudable, como ter unha alimentación adecuada, realizar exercicio físico diario ou alcanzar uns correctos hábitos de hixiene e sono, entre outros. Para evitar a resistencia ou oposición a eles, aconséllase comezar canto antes coa súa aprendizaxe e posta en práctica.
En base a esta premisa, o Concello do Porriño, a través da Concellería de Educación e da OMIX, puxeron en marcha un programa destinado a Educación Infantil, que recolle unha secuencia de actividades coas que comezar a desenvolver ditos hábitos coa cativada.
Preto de 150 escolares dos diferentes colexios do Porriño participaron desta actividade cuxa finalidade principal é consolidar a adquisición de hábitos de vida saudables, en especial alimentarios, dende idades temperás mediante o xogo.
De maneira más específica, o desenvolvemento do programa supuxo nos máis pequenos da casa coñecer os distintos tipos de alimentos e a súa frecuencia de consumo a través da pirámide alimentaria, fomentar a construción dun menú variado e equilibrado, coñecer a procedencia de distintos alimentos de consumo habitual, adquirir pautas de hixiene e seguridade alimentaria e fomentar o coidado e respecto polo medio ambiente.